A galería Black
Box ofrece a mostra “A idade dos metais”, de Lázaro Louzao ( Xove,1988) que
leva quince anos adicado a fotografía artística; tamén é cineasta, oficio no
que se iniciou no ano 2013 con tres curtametraxes; en 2018 fixo a súa primeira
longametraxe “ Nove de novembro”, que foi premiada e xa ten participado nunha
vintena de festivais. Remata de sacar do prelo o libro “Palpar a pel”, cuxo
eixe temático é o corpo masculino, para expresar os desexos e tensións anímicas
que nel se reflicten. Os espidos de tres xóvenes actores: Ademar Silvoso, Brais
Yanek (protagonistas do filme citado) e Fran Nogueira sirven de modelo para
este percorrido por tres cánones da beleza masculina, cun plantexamento mui
escultórico no que prima a tensión dramática, expresada a través de
contorsionadas posturas que nos fan lembrar a Miguel Anxo e ao pathos dos
artistas do barroco, como o seu admirado Caravaggio.
Cada un dos
fotografados foron meticulosamente maquillados para que a súa carne fose
convertida en ouro, prata e cobre, un tanto para reproducir as pátinas das
esculturas de metal, pero, sobre todo,-como Lázaro Louzao confesa- “... para
retratar o aspecto máis simbólico destes metais”. A corporeidade física,
evidentemente pasaxeira, vese así transmutada en anceio de permanencia, en
ansia de superación das limitacións impostas pola condición humana; ser de
cobre, de prata ou de ouro, como sucede con tantas pezas de antigas culturas
que figuran nos museos, sería garante dunha certa forma de eternidade.
A
ambivalencia entre a fraxilidade carnal e a resistencia dos metais é, pensamos,
un dos temas centrais da mostra que o autor expresa, ao mesmo tempo, como canto
exultante e como elexía; canto ou oda polo esforzo humán, pola lota eterna por
superarse e deixar obras que testemuñen do esforzo titánico; pranto elexíaco ou
endecha por sentir epidémicamente todo aquilo que nos fere, nos magoa ou nos
pon n situacións límite. Sentimos vibrar ese abraio, esa dor contida, nas
miradas destes mozos, nas posturas difíciles dos seus membros que se retorcen
ata o imposible, nas mans que se dobran sobre caras e corpos como para
protexelos, que se tenden para supricar ou que se abren anguriadas como para
alonxar ameazas.
A pregunta
está latente no sereno e serio perfil do mozo cobrizo, cuxos ollos grises miran
cara o infindo; tamén o mozo de prata, que olla de fronte mentres tapa a boca
coas mans cruzadas, contén unha exclamación ou un berro; pero é nunha imaxe do
mozo de ouro, que agocha a súa cabeza inclinada no dorso do brazo dereito,
mentres suxeita a cintura co esquerdo, onde se expresa,máis nidiamaente todo
ese desconcerto íntimo i ese eterno inquirir qué somos e a ónde imos.
Descubridores do cobre, cuxa aleación co estaño diu orixen a Edade de Bronce;
manipuladores da nocturna prata que permitíu as emulsións fotográficas, e
soñadores do ouro místico, como en Exipto ou nas antigas culturas amerindias,
son hitos da evolución humana que celebra Lázaro Louzao.
ÁNXELES PENAS